O Concello promove un roteiro guiado polo universo de Concepción Arenal
Aberta a inscripción na actividade, que se celebrará o venres 29 de abril con prazas limitadas e participación gratuíta
Valdoviño, 22 de abril de 2022. O Concello de Valdoviño convida á veciñanza a tomar parte no roteiro guiado polo universo de Concepción Arenal que organizará o vindeiro venres 29 de abril en Ferrol, a súa cidade natal, no marco do programa deseñado con motivo do Día do Libro. Unha actividade pensada para nenos/as e persoas adultas guiada polo profesor de Xeografía e Historia Orlando Jara.
A participación é gratuíta, pero as prazas son limitadas -con preferencia para as persoas empadronadas en Valdoviño-, e requírese de inscrición previa. Está aberta, ata o xoves 28 de abril, na Casa da Cultura -de xeito presencial ou no teléfono 981 48 76 66- en días laborables de 11 a 14 horas e de 16 a 19 h.
O traslado a Ferrol correrá por conta da persoa participante, o itinerario partirá ás 17 horas da praza de Armas, terá unha duración de hora e media, e rematará na Avenida de Esteiro.