O Concello promove talleres gratuítos de musicoterapia en Meirás, Sequeiro, Vilaboa e Pantín
Están dirixidos a persoas de 60 anos en adiante, e este ano, a Concellería de Servizos Sociais contará co apoio económico da Deputación da Coruña
Valdoviño, 18 de setembro do 2025. Un curso máis, o Concello de Valdoviño organizará os talleres de musicoterapia «Ponlle ritmo á vida» nas parroquias de Meirás, Pantín, Sequeiro e Vilaboa. Están dirixidos a veciños e veciñas a partir de 60 anos e a participación é de balde. O proxecto inclúese na programación de actividades que desenvolve a Concellería de Servizos Sociais para promover un envellecemento activo, favorecendo as relacións sociais e combatendo a soídade non desexada. Así, segundo avanzaba a edil de área, Rosana García, o Concello investirá preto de 11.000 euros na acción, para a que este ano conta co apoio económico da Deputación da Coruña, a través dunha subvención de 7.000 euros.
Os obradoiros comezarán en outubro, e hoxe ábrese o prazo de reserva de praza. O trámite pode realizarse no departamento municipal de Servizos Sociais -planta baixa da casa consistorial- de luns a venres de 10 a 14 h, ou a través do teléfono 981 48 70 41 ext.5 ou correo servizos.sociais@concellodevaldovino.com Con sesións de hora e media e frecuencia semanal, os talleres celebraranse os luns ás 16:00 horas no local social de Sequeiro -antiga escola unitaria da Carreira-; os mércores ás 16:15 h no local social de Vilaboa -antiga unitaria- e ás 18:00 h no local social de Montefaro -antiga unitaria-, e os xoves ás 18:00 h no local social de Pantín.
Así mesmo, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Ferrolterra -Afal- será de novo a encargada de guiar as sesións, a través dun contrato de prestación de servizos.
