O Concello promove talleres de estimulación cognitiva gratuítos en Meirás e en Valdoviño para veciños e veciñas a partir de 65 anos

As inscricións están abertas na casa da cultura e a través da sede electrónica

Valdoviño, 02 de outubro do 2025. O Concello de Valdoviño convida aos veciños e veciñas de 65 anos en adiante a participar nos talleres de estimulación cognitiva que desenvolverá no local veciñal de Meirás e no centro sociocomunitario de Valdoviño. Estarán guiados polo técnico Daniel Cartelle, con periodicidade semanal e son de balde. As inscricións están abertas, ata o 10 de outubro, na casa da cultura -de luns a venres de 10:00 a 14:00 h-, e ata o día 12 do mesmo mes a través da sede electrónica.

Cada semana, e de modo didáctico e lúdico, traballarase a memoria, a percepción, a atención, a concentración, a linguaxe e as funcións executivas como a resolución de problemas, razoamento, planificación e control. Os materiais precisos serán aportados polo Concello. As sesións celebraranse os xoves no local social de Meirás (en horario de 9:30 a 10:30 h) e no centro sociocomunitario (neste caso, e para atender a alta demanda rexistrada noutras edicións, a intención é crear dous grupos: de 11:00 a 12:00 h e de 12:00 a 13:00 h).