O Concello promociona Valdoviño como destino surf no Surf Business Meeting de Bilbao
O alcalde, Alberto González, participa no congreso, que impulsa o municipio de Sopela, cunha ponencia sobre o peso económico do surf en Valdoviño
Valdoviño, 21 de outubro do 2022. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, desprazouse a Bilbao para participar esta mañá no Foro Industria e Turismo Surf celebrado no marco do VI Surf Business Meeting, un evento anual impulsado polo Concello de Sopela, centrado no intercambio e exposición de boas prácticas a través de ponencias e encontros entre profesionais de referencia e representantes das diferentes administracións, que ten como obxectivo inspirar e apoiar a profesionais e persoas emprendedoras.
Alberto González compartiu exposición con concelleiros e técnicos dos municipios de Castrillón (Asturias) e de Ribamontán al Mar (Cantabria), dous dos «socios» do proxecto Rede de Pobos do Surf que lidera a Mancomunidade ao abeiro do programa «Experiencias Turismo España». O alcalde abordou o traballo de Valdoviño para situar o surf como elemento de desenvolvemento económico, priorizando a colaboración con outras administracións e coa iniciativa privada. Así mesmo, Alberto González, tamén aproveitou a visita para iniciar unha rolda de contactos con empresas do sector, especialmente turoperadores, e intercambiar experiencias co viceconselleiro de Turismo do Goberno vasco, Jesús María García de Cos, encargado de inaugurar a xornada.