O Concello prohíbe a circulación rodada polo vial que conecta o aparcamento da praia de Mourillá e a antiga piscifactoría de Meirás

O alcalde emite un bando reiterando a prohibición de acceso ás instalacións

Valdoviño, 29 de decembro de 2023. A partir de agora, os vehículos non poderán circular pola camiño que conecta o aparcamento da praia de Mourillá coa antiga piscifactoría de Meirás. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, emitía un bando municipal prohibindo o tráfico rodado no vial e o acceso ás instalacións sen a autorización pertinente. 

A finais de 2019, a firma que explotaba a piscifactoría entraba en concurso de acreedores e abandonaba as instalacións. Co paso do tempo, a zona converteuse en branco de roubos e accións vandálicas, así como punto de depósito de todo tipo de residuos. Coas súas competencias limitadas ao tratarse dunha propiedade privada, e contando cunha concesión e permiso de actividade ata 2027 por parte da Xunta, o Concello tentou executar de forma subsidiaria obras para garantir a seguridade, e para iso solicitaba as autorizacións pertinentes á Xunta. Uns intentos sen éxito pola falla de resposta da Administración autonómica respecto dalgunhas actuacións e polas condicións impostas noutras. O que si conseguiu foi permiso dos xulgados para a instalación de sinalización advertindo do perigo que, sistematicamente, é sustraída. 

Neste contexto, o Concello continúa reiterando ante as administracións competentes a necesidade de afrontar unha solución definitiva, e ata chegar a ese punto, adopta agora esta medida puntual de prohibición de acceso do tráfico rodado co obxecto de tentar evitar a entrada na zona.