O Concello programa o obradoiro creativo “Letra inicial adornada con Zantangle”

Celebrarase na Biblioteca o sábado 25 de marzo, ás 11.30 horas

Valdoviño, 17 de marzo de 2023. A ilustradora Elisabet Hillerud impartirá en Valdoviño un obradoiro baixo o título «Letra inicial adornada con Zentangle». Celebrarase o sábado 25 de marzo ás 11:30 horas na Biblioteca, dirixido a nenos e nenas a partir de 7 anos e persoas adultas, e a inscrición abrirase este luns 20 de marzo -ata o venres 24 ou completar aforo-. Debe formalizarse na Casa da Cultura, de 12 a 14 h e de 16 a 19 h -ou chamando aos teléfonos 981 48 76 66 e 645 305 229neses mesmos horarios-. A participación é gratuíta.

No obradoiro fusionarase unha letra capitular con Zentangle, unha técnica sinxela que consiste en trazar patróns repetitivos que crea belas imaxes e fomenta a tranquilidade e a concentración, desenvolvendo a creatividade e a sensibilidade artística. Os participantes embelecerán a primeira letra do seu nome usando Zentangle, creando unha pequena obra de arte en miniatura única e personalizada. Durante o obradoiro, poderán experimentar unha maior capacidade de concentración e sentirán unha diminución da actividade mental para así gozar o momento presente. Esta atención plena poderase trasladar á vida mesma practicando o método Zentangle.