O Concello probará o alumeado led con paneis solares en varios puntos do municipio sen tendido eléctrico

Emprende ademais en vías de Vilaboa a substitución de lámpadas de vapor de sodio por outras de tecnoloxías máis eficientes

Valdoviño, 2 de setembro do 2022. O Concello de Valdoviño vén de iniciar unha nova actuación enmarcada no plan municipal de eficiencia enerxética. Trátase da substitución de elementos da iluminación pública tradicional en vías da parroquia de Vilaboa por iluminación led, de baixo consumo. Ademais, probará o funcionamento de farois led alimentados con paneis solares noutros espazos públicos do municipio afastados do tendido de rede.

Nun contexto de prezos máximos da electricidade, a administración local destina a subvención procedente do denominado Fondo de Compensación Ambiental a reducir a súa factura eléctrica. E así, investirá parte dos 12.000 euros concedidos a cambiar luminarias clásicas de vapor de sodio por outras de tecnoloxía led de 30 w. A firma Proymel montaxes xa empezou a colocalas na recta da Cooperativa de Vilaboa, estando previsto substituír un total de 23 puntos de luz na zona.

Aínda que se por algo resulta innovador o proxecto municipal será por introducir solucións de iluminación exterior con enerxía solar. Así, con cargo a esa pequena partida do Fondo Ambiental fornecerase tamén dunha ducia de lámpadas led solares, que se autoabastecen da luz que recollen polo día e que transforman, sen ter que depender da rede eléctrica.

Estes farois, de consumo eléctrico nulo e cero emisións de CO₂, utilizaranse, como explica o edil de Servizos, Benito Veiga, para dotar de iluminación exterior a lugares concretos de varias parroquias aos que o tendido eléctrico non chega, ou é dificultoso e custoso o seu traslado. Engade que as lámpadas contarán cun sensor de luz crepuscular que, en función da luz ambiente que haxa en cada momento, manterá apagada ou acendida a luminaria.

Deste xeito, Valdoviño redobra a súa aposta pola eficiencia enerxética, que se traduciu nos últimos anos pola paulatina utilización de leds na iluminación de estradas e contorna de edificios público, incorporando agora solucións aínda máis ecolóxicas e tamén máis económicas.