O Concello presenta o calendario municipal 2025, ilustrado coas imaxes de veciños e veciñas
O alcalde, Alberto González, destacaba no acto que, edición tras edición, convértese nunha das mellores ferramentas de promoción turística
Valdoviño, 20 de decembro do 2024. Como manda a tradición, a Casa da Cultura acollía esta tarde-noite o acto de presentación do calendario municipal do 2025. Deseñado coas fotografías que a veciñanza presentou ao certame convocado pola Concellería de Cultura, os autores e autoras das imaxes seleccionadas foron pasando un a un polo escenario do auditorio para recoller un detalle en agradecemento pola súa participación e retratarse coa súa obra de fondo. E entre un e outro, o público puido desfrutar dos momentos musicais que brindaron a cantante Paty Lesta e o pianista Cristian Leggiero.
O alcalde, Alberto González, aseguraba que o calendario tense convertido nun auténtico aliado para a promoción turística da localidade, a través das fermosas imaxes que cada ano presenta a veciñanza. Nesta edición, asinadas por María Isabel Brage Fernández, Fernando González Pérez, Javier Carpintero, Martina Beceiro, Javier Moral Martínez, Nico Miragaya, Rubén Freire, María Cruz Vigo Castro, María Isabel Rapela Fernández, Antía de Santiago, Cristina Freire Aneiros, Jose Luis García Mendoza, Ivana Ocampo Ferreira e Roberto Ortega García.
As páxinas do almanaque volven contar con paisaxes que son todo un clásico edición tras edición como a lagoa e praia da Frouxeira, a costa de Meirás, Porto do Cabo ou a contorna do encoro das Forcadas, así como outras menos habituais como a igrexa de San Vicente de Meirás ou a ponte do Puntal en Vilarrube
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Rosana García, destacou a participación, con 150 imaxes presentadas, e animou á veciñanza a facerse cun dos calendarios, que o Concello de Valdoviño comezará a repartir gratuítamente a partir do luns 23 de decembro entre o movemento asociativo, e tamén, entre a cidadanía que o solicite tanto na casa consistorial como na casa da cultura. En total, editáronse uns 3.000 exemplares. Os primeros, xa están en mans do público que asistía hoxe ao acto.