O Concello presenta novas alegacións ao parque Badulaque para eliminar os 2 aeroxeneradores previstos a día de hoxe no municipio
Solicita tamén a adaptación da poligonal ás 2 instalacións contempladas, fronte ás 10 que se proxectaban inicialmente
Valdoviño, 10 de xullo do 2023. O Concello de Valdoviño presentou ante a Delegación do Goberno en Galicia novas alegacións ao parque eólico Badulaque coas que busca, segundo o explicou o alcalde, Alberto González, eliminar do proxecto os dous aeroxeneradores que a día de hoxe se contemplan no municipio. Ademais, e a raíz da última modificación publicada, o Concello solicita adaptar a poligonal do parque á localización definitiva das 2 instalacións proxectadas -reducindo así substancialmente a superficie afectada polas limitacións de uso sobre as propiedades-. O documento foi rexistrado telematicamente o pasado xoves, en resposta á última modificación da autorización administrativa previa publicada no BOE.
Alberto González lembrou que a raíz das alegacións previas presentadas polo Concello de Valdoviño os 10 aeroxeneradores previstos inicialmente na localidade quedaron reducidos a 2, cuxa ubicación se busca eliminar agora. Para iso, a Administración local esgrime que a tramitación individual do parque eólico Badulaque contribúe a fragmentar a tramitación de parques eólicos próximos pero que teñen evidentes interconexións entre eles, o que supón unha flagrante vulneración do espírito da Avaliación Ambiental Estratéxica establecida nas directivas comunitarias, impedindo desta maneira unha avaliación de impactos acumulativos e sinérxicos das instalacións e todas as súas infraestruturas asociadas, polo que é motivo suficiente para rexeitar de maneira definitiva o proxecto.
O grave impacto medioambiental sobre a contorna da praia de Vilarrube, ría de Cedeira, paisaxe vencellada ao Camiño a Santo André, e por tanto do Xeoparque do Cabo Ortegal, impide tamén aceptar a implantación dos 2 aeroxeneradores aínda previstos en Valdoviño.
Por último, e independentemente do anterior, de acordo coa documentación do proxecto modificado presentado e a raíz dos axustes que se tiveron que realizar na localización das instalacións proxectadas derivadas das alegacións, modificouse a poligonal do parque -a área xeográfica de influencia sobre o territorio-. O Concello pide que se axuste esa área afectada, limitándoa á localización definitiva das instalacións (2 no lugar das 10 previstas inicialmente), evitando así os graves perxuízos sobre as propiedades afectadas. A maioría, explotacións agrícolas, forestais, gandeiras e madereiras, principal fonte de ingresos das familias que viven na contorna. Un reaxuste que acabaría coas limitacións que supón a calificación do solo hoxe rústico como de especial protección de infraestruturas.