O Concello presenta este venres o calendario municipal 2026 co espectáculo musical Guateque Yé Yé de Gramola
O acto celebrarase ás 20 horas no auditorio da casa da cultura
Valdoviño, 15 de decembro do 2025. O Concello de Valdoviño convida á veciñanza a asistir este venres 19 de decembro ao acto de presentación do calendario municipal 2026, ilustrado un ano máis coas imaxes que a cidadanía presentou ao concurso aberto pola Concellería de Cultura. A cita arrincará ás 20 horas no auditorio da casa da cultura, e como é xa tradición, iranse desvelando unha a unha as fotografías que nos acompañarán ao longo dos próximos meses no almanaque. A selección estivo complicada, tanto pola cantidade -con máis de 160 presentadas- como pola calidade -con paisaxes extraordinarias do municipio-.
Así mesmo, o acto completarase co espectáculo musical Guateque Yé Yé, a cargo do grupo Gramola e co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña. O cuarteto, integrado por guitarra, baixo, batería e voz, presenta unha proposta fresca e festiva coa que rende homenaxe á música de guateque, ao movemento Yé Yé, e ás cancións do verán dos anos 60 e 70. O seu repertorio componse de cancións de Karina, Los Diablos, Los Bravos, Massiel, El Dúo Dinámico…
Ademais, ao remate do acto, o Concello obsequiará ao público cun calendario. Cunha edición de 3.000 exemplares, a partir do luns 22 a cidadanía tamén poderá solicitalo gratuítamente tanto na casa da cultura como na casa consistorial.
