O Concello presenta aos fondos Next Generation o proxecto de mellora enerxética do inmoble do xulgado de paz e Garda Civil

O obxectivo é recabar o financiamiento necesario para afrontar a actuación, valorada nuns 359.000 euros

Valdoviño, 11 de novembro de 2021. O Concello de Valdoviño vén de presentar á liña de axudas do PROGRAMA DUS 5000 o proxecto para a mellora da eficiencia enerxética do inmoble que alberga o xulgado de paz e as dependencias da Garda Civil. O obxectivo é recabar o financiamento do Ministerio para la Transición Ecológica a través dos fondos Next Generation, cubrindo o 100% do custe da intervención, valorada en 358.965,69 euros. Unha intervención que permitirá un aforro enerxético do 73%, así como o cambio da certificación enerxética do edificio da categoría D actual á A. 

A intervención contempla 3 liñas de actuación. En primeiro lugar, sobre a envolvente térmica, con obras de mellora do illamento da fachada, chan interior e teitos/cuberta, así como renovación de carpinterías e vidros. En segundo lugar, actuaríase nas instalacións térmicas, coa substitución do actual termo eléctrico por unha instalación por bomba de calor e dos radiadores por outros aparellos máis eficientes, e procederíase á renovación do sistema de ventilación. E, por último, a actuación contemplaría a substitución de toda a iluminación por tecnoloxía LED.