O Concello presenta a segunda edición do ciclo de monólogos “Únicos”, que esta tarde inaugura a galetiktoker Leti Da Taberna

Elisardo de la Cruz, María da Pontragha, Santi Prego con Jorge de Arcos e Jorge Baleo completan o elenco de monologuistas do programa

 Valdoviño, 6 de outubro de 2023. O Concello de Valdoviño reedita o ciclo municipal de monólogos “Únicos”, e esta mañá avanzaba un programa que arranca hoxe mesmo co directo da galetiktoker Leti Da Taberna. Ademais, Elisardo de la Cruz, fundador de Empatía Teatro, con “Esas cousas marabillosas”, e a educadora e antropóloga María da Pontragha con “Non teñas medo á morte” darán continuidade ao ciclo o venres 20 e o domingo 29 de outubro respectivamente, e xa en decembro, Santi Prego con Jorge de Arcos pechará o programa coas súas “Narracións imprevistas. Literatura repentina”. Unha última función que contará coa colaboración do monologuista local Jorge Baleo. 

Así, esta tarde, a partir das 20:30 horas, arranca o ciclo con Leti Da Taberna, un auténtico fenómeno das redes sociais con máis de 31.000 seguidores. A tiktoker galega achegarase á casa da cultura para compartir co público a súa retranca e sabedoría taberneira. Como en todos os directos do programa, a entrada é gratuíta ata completar aforo, e neste caso, a función conta co financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística a través da liña de subvencións a entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega. 

O venres 20 ás 20:30 horas, Elisardo de la Cruz presentará na Casa da Cultura a súa primeira produción profesional, “Esas cousas marabillosas”. Esta peza do galardoado dramaturgo e director Duncan MacMillan, converteuse nun fenómeno teatral a nivel mundial e HBO fixo un documental sobre ela, e hai algo máis dun ano, Elisardo de la Cruz levaba a peza ao Festival Internacional do monólogo teatral de Narón (SINGULAR), disposto a continuar esa marabillosa lista. Unha peza tenra, emocionante e divertida; unha comedia sobre a depresión e o suicidio, e unha obra, que como avanza o narrador, pode cambiar a vida do público… para ben. A función chega a Valdoviño no marco da Rede Cultural da Deputación. 

Tamén da man do circuito provincial, o domingo 29 ás 18:00 h, a narradora María da Pontragha visitará o municipio coa súa obra “Non teñas medo á morte”. Inclúese no marco da celebración do Samaín, e terá lugar na contorna paisaxística do igresario vello de Loira. En caso de choiva, a función trasladaríase á Casa da Cultura. Esta función, dirixida a un público familiar, propón percorrer un longo camiño en compañía, nunha contada festiva e alegre na que non haberá tempo de laiarse nin choromicar. Máis que nada, poderemos morrer coa risa, chorar coa risa e tamén rir coa morte. A protagonista, educadora e antropóloga, dende sempre mantivo un vínculo moi forte coa tradición oral, tanto a través da música coma da palabra en sí, e dende 2009 permanece inmersa no mundo da narración centrándose en todo o que rodea a oralidade. 

Xa en decembro, o venres 29, ás 20:30 h, teremos a oportunidade de asistir ao último monólogo na casa da cultura con Santi Prego e Jorge de Arcos. Traerán a Valdoviño as súas «Narracións imprevistas. Literatura repentina». Un espectáculo de humor, incluído tamén na Rede Cultural provincial, co que tentarán parar o mundo a través das súas historias improvisadas. Unha función que contará coa colaboración do monologuista local Jorge Baleo.