O Concello porá en marcha unha guía interactiva turística de Valdoviño cos fondos Next Generation

O proxecto presentado pola Administración local permitirá financiar o 90% do orzamento, que ascende a 13.000 euros

Valdoviño, 18 de novembro do 2024. O Concello de Valdoviño vén de recibir unha axuda de 11.761,20 euros procedentes das Subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU para a elaboración e posta en marcha dunha guía interactiva turística do municipio. A cuantía aprobada permitirá financiar o 90% da actuación, orzamentada en 13.068 euros.

O proxecto permitirá crear unha ferramenta dixital para a cidadanía, que amose de xeito efectivo todo o potencial turístico do concello a través de mapas dixitais interactivos. Con eles, procurarase ofrecer unha experiencia de usuario que permita á cidadanía adicar tempo a explorar, descubrir e comprender o valor turístico do territorio. Así, cada mapa temático contará cunha ampla colección de contidos turísticos -lugares con textos, fotografías de calidade, situación sobre o mapa-, que se acompañará dunha ferramenta para indicar como chegar dende o lugar onde o visitante se atopa. No caso das rutas, tamén se facilitará unha ficha técnica interactiva do percorrido -con perfil interactivo de altitude-.

Estímase que se xerarán aproximadamente 100 unidades de contido que, anualmente, serán revisados para a súa actualización. Os mapas poderán consultarse en galego, castelán e inglés, e difundiranse a partir dos medios de comunicación en liña cos que conta o concello, tanto web coma redes sociales, ademais de dispor dun acceso vía QR na oficina de turismo.

Por último, todos os contidos que poidan ser xeolocalizados visualizaranse nun mapa interactivo baseado na tecnoloxía Google Maps, e os mapas estarán sincronizados con galerías de fotografías.