O Concello pon en marcha un servizo de atención psicolóxica para veciños e veciñas derivados dos Servizos Sociais comunitarios

O novo programa municipal ofrecerá, a través dun gabinete psicolóxico, atención individualizada na casa consistorial, con sesións de psicoterapia centradas no fortalecemento da autoxestión emocional

Valdoviño, 21 de maio do 2025. O Concello de Valdoviño vén de poñer en marcha un servizo de atención psicolóxica do que se beneficiarán veciños e veciñas derivadas dos servizos sociais comunitarios. A Xunta de Goberno Local que preside o alcalde, Alberto González, daba luz verde á contratación dun equipo profesional que guiará as sesións, e que o Concello cofinanciará con cargo ao POS+Adicional da Deputación para gastos sociais neste 2025. Deste xeito, téntase dar resposta á problemática que presentan algunhas das persoas usuarias dos servizos sociais para as que non existe a opción de atención inmediata na rede sanitaria, o que deriva en situacións de desprotección ou mesmo risco suicida.

Así, a través do gabinete Vitei Psicoloxía, o Concello de Valdoviño ofrecerá atención individualizada. Nunha primeira sesión, os profesionais identificarán as necesidades de cada persoa usuaria e explicaranlles o proceso terapéutico. A partir de aí, realizarase unha intervención directa con sesións de psicoterapia individual centradas no fortalecemento da autoxestión emocional. Ademais, realizarase tamén un seguemento de cada caso, e de ser necesario un seguemento clínico máis intensivo, procederase á derivación ao Servizo Galego de Saúde.

Os servizos que prestará Vitei Psicoloxía contemplan 4 sesions individuais de psicoterapia á semana -5 horas de atencion presencial no Concello, garantindo un ambiente seguro e confidencial-. A estas sumaranse outras tres horas adicionais de traballo complementario, de carácter administrativo fundamentalmente.