O Concello pon en marcha o programa “Concilia Mañás” nas unitarias de Lago e Taraza

Un total de 33 nenos e nenas accederán a este recurso de conciliación nas dúas escolas e máis no CPI Atios de Valdoviño

Valdoviño, 7 de setembro do 2022. O curso escolar arrancará mañá xoves cunha importante novidade en materia de conciliación nas escolas unitarias de Lago e Taraza -Meirás-. O Concello de Valdoviño inicia neles o programa Concilia Mañás, co que busca axudar ás familias traballadoras a conciliar as súas obrigas laborais co coidado dos seus fillos/as menores. Un recurso xa existente dende hai un par de anos no CPI Atios. Así, un total de 10 nenos e nenas -o 10% dos/as matriculados/as no CRA O Esquío- accederán ós almorzos saudables a partir deste curso. Ademais, outros 23 comezarán no CPI Atios, gañando así usuarios/as ano tras ano.

O Concello activaba este servizo no curso 2019-2020, e un ano despois ampliaba o horario de entrada ás 7:30 horas, ata o inicio das clases. Un tempo no que ademais de almorzar, nenos e nenas tamén participan de actividades didácticas e de lecer.