O Concello pon a disposición das persoas dependentes e con discapacidade o servizo municipal de préstamo de produtos de apoio

O catálogo inclúe camas articuladas, colchóns e grúas

Valdoviño, 3 de xullo de 2024. O Concello de Valdoviño pon a disposición das persoas dependentes ou con discapacidade o servizo de préstamo de produtos de apoio, complementario ao de axuda no fogar, co que facilitar o seu día a día no domicilio. O catálogo inclúe camas articuladas con varandas de suxeición, colchóns viscoelásticos e 2 grúas de mobilidade de ata 150 kg.

As persoas interesadas nestes produtos técnicos poden solicitalos no departamento municipal de Servizos Sociais. É requisito estar nunha situación de dependencia e/ou discapacidade recoñecida ou ter presentado a solicitude de valoración e constatar a necesidade de asistencia ou coidados por parte doutras persoas, así como ter residencia efectiva en Valdoviño cunha antigüidade mínima de 6 meses. E valorarase a capacidade económica.

Ademais, terán prioridade as persoas usuarias do servizo de axuda no fogar, aquelas que precisen da axuda por postoperatorios ou accidentes ou que padezan enfermidades crónicas, con pronósticos vitais de gravidade, e menores con dependencia ou discapacidade que teñan afectada a súa mobilidade.