O Concello pecha este venres o prazo para solicitar as axudas para os agasallos de Nadal

Están dirixidas a pais, nais, titores e familias de acollemento con fillos/as menores de idade, empadroados en Valdoviño e uns ingresos que non superen os establecidos na convocatoria municipal

O Concello de Valdoviño pechará mañá venres o prazo para solicitar as axudas de Nadal para a adquisición de agasallos. Unha liña de subvencións dirixida a garantir que todos os nenos e nenas poidan ter o seu agasallo nestas datas, apoiando a situación económica na que se atopan algunhas familias e tentando minimizar o impacto socioeconómico derivado da crise sanitaria ocasionada pola covid-19. Trátase dunha axuda dunha cuantía única de 50 euros e, no seu conxunto, o Concello destinará a este capítulo 3.000 euros. 

Os gastos a subvencionar serán:

-xogos e xoguetes (0- 18 anos): xoguetes, libros, xogos educativos ou de mesa, libros, quebracabezas, e/ou material musical ou deportivo, ou calquera que se corresponda coa idade do/a menor ao que vai dirixida a axuda.

-aparatos tecnolóxicos e roupa (13-18 anos): roupa, uniformes deportivos, aparatos tecnolóxicos como reloxos, videoxogos, teléfonos, que sexan axeitados para esa franxa de idade. 

As axudas están dirixidas a pais, nais, titores/as ou familias acolledoras con fillos ou fillas menores de idade e empadronados en Valdoviño e non superar uns ingresos mínimos establecidos nas bases da convocatoria (que poden consultarse na web municipal). 

As solicitudes e a documentación requirida presentaranse no Rexistro Xeral da Casa do Concello de Valdoviño de luns a venres en horario de 9 a 14 horas ou a través da sede electrónica. Así mesmo, e en caso de concesión da axuda, deberá xustificarse o gasto entre o 8 e o 18 de xaneiro de 2021. 

En todo caso, concederase un vale persoal e intransferible para canxear en establecementos de Valdoviño e doutros municipios limítrofes como xogueterías e tendas de roupa.