O Concello pecha a programación cultural deste ano co concerto de Blues do País este sábado na contorna da praia da Frouxeira

O dúo que forman Iseo Agilda e Brais das Hortas versionará aos grandes clásicos do blues ou soul cunha alta dose de retranca galega

Valdoviño, 26 de decembro do 2024. O Concello de Valdoviño convida á cidadanía a asistir este sábado 28 de decembro ao concerto de «Blues do País» na fantástica contorna da praia da Frouxeira. A actuación, coa que se pecha a programación cultural do ano, arrincará ás 18:00 horas nas inmediacións do parque infantil, e ao seu remate, celebrarase o acto de entrega dos premios do IV Concurso de Decoración de Nadal.

Iseo Agilda e Brais das Hortas forman dúo en «Blues do País», un grupo de versións dos grandes clásicos do blues, soul, rhytm´n blues… adaptados á idiosincrasia e retranca galegas. Garantizan enerxía e entrega total en cada directo, cunha discografía coidada e música de calidade, en galego, misturada con teatro, clown e improvisación.