O Concello organizará unha charla informativa con SEAGA sobre a xestión da biomasa nas faixas secundarias

A cita terá lugar o vindeiro 8 de novembro ás 12 h na casa da cultura

Valdoviño, 24 de outubro do 2024. O Concello de Valdoviño organizará xunto a SEAGA unha charla informativa aberta á veciñanza sobre a xestión da biomasa nas faixas secundarias. A sociedade pública accede así á petición realizada pola Administración local, e confirmaba datas e horarios para o encontro, que se celebrará o venres 8 de novembro ás 12:00 horas na casa da cultura. Nel tomarán a palabra a directora de SEAGA, Luisa Piñeiro, e técnicos da entidade, que tras a súa exposición, tentarán dar resposta a todas as consultas e dúbidas dos propietarios e propietarias de parcelas afectadas polas faixas secundarias e a obriga da súa limpeza como medida de prevención contra os incendios forestais.

Ademais, hoxe botaba a andar o servizo de información e asesoramento sobre as notificacións que está a enviar SEAGA tras os labores de inspección realizados. Trátase dun servizo contratado polo Concello, con persoal adicado en exclusiva a estas tarefas con atención ao público na casa consistorial de luns a venres de 9:00 a 13:00 h, e sen necesidade de cita previa.

Nel, ademais de ofrecer información e solventar dúbidas, o persoal axuda á veciñanza a cubrir o documento de alegacións se fose necesario para continuar co procedemento.