O Concello organiza unha visita guiada á exposición “Museos de Ferrolterra 2024” que acolle o Museo Naval de Ferrol
A partir de hoxe, e ata o día 17 de abril, abre inscricións na iniciativa, gratuíta, que se celebrará o sábado 20 con traslado en autocar incluído
Valdoviño, 12 de abril de 2024. O Concello de Valdoviño abre inscricións na visita á exposición temporal «Museos de Ferrolterra 2024» que organizará o vindeiro sábado 20 ao Museo Naval de Ferrol. A partir de hoxe, as persoas interesadas en participar poden solicitar praza na casa da cultura -presencialmente venres 12, luns 15 e mércores 17 de 16 a 19 h e martes 16 de 10 a 14 h ou nos teléfonos 981 48 76 66 e 645 305 229 neses mesmos horarios-. É gratuíta, con prazas limitadas, e o autocar partirá da explanada situada fronte á Casa Joselito, na Porta do Sol, ás 10:20 horas. En caso de que a demanda exceda a oferta de prazas, terán preferencia no acceso as persoas empadroadas no municipio.
A visita á mostra conta coa colaboración dun dos principais artífices da Rede de Centros Museísticos de Ferrolterra, Francisco Romeo Fonticoba, á súa vez, traballador do Museo Naval e veciño de Valdoviño. Precisamente, será el quen guíe a visita pola exposición temporal, na que todos os museos integrantes da rede dan a coñecer os seus fondos. Entre eles, o Océano Surf Museo de Valdoviño.