O Concello organiza unha charla informativa dirixida ás comisións veciñais de festas
A cita, na que se abordará o cumprimento normativo, celebrarase o xoves 27 de novembro ás 20 horas na casa da cultura de Valdoviño
Valdoviño, 14 de novembro do 2025. O Concello de Valdoviño organizará unha charla informativa dirixida ás comisións veciñais de festas para abordar, entre outras cuestións, o cumprimento da normativa vixente. Celebrarase o xoves 27 de novembro ás 20 horas na biblioteca da casa da cultura, con entrada libre e sen necesidade de inscrición previa. Segundo apuntaba o concelleiro de Servizos, Benito Vega, está aberta a toda a veciñanza, xa que nalgún momento calquera veciño ou veciña pode tomar a iniciativa de formar parte dunha comisión.
Así mesmo, o edil aseguraba que tras os últimos cambios normativos non son poucas as dúbidas que xurden en relación á organización dos festexos, e consciente das dificultades para resolvelas, o Concello decidía poñer en marcha esta medida. As datas son as propicias, xa que moitas comisións están xa constituídas, e poden ter así unha folla de ruta para iniciar os trámites administrativos que precisan cumprimentar.
