O Concello organiza unha charla con Paulino Gasalla sobre a eclipse en Valdoviño

Celebrarase este venres ás 19:30 horas no auditorio da casa da cultura

Valdoviño, 15 de xuño do 2026. Durante o atardecer do mércores 12 de agosto asistiremos á primeira eclipse total de Sol visible dende a Península Ibérica en máis dun século. Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional, no noso municipio comezará ás 19:40 horas, alcanzará o seu máximo ás 20:28 h e rematará ás 21:16 horas. O primeiro punto en Galicia no que se poderá observar a totalidade será o Cabo de Estaca de Bares (Mañón), e Valdoviño tamén é un dos concellos nos que se poderá observar a eclipse de forma total. Neste contexto, o Concello organiza este venres 19 de xuño a charla “A eclipse en Valdoviño”, a cargo dun dos maiores expertos na zona, Paulino Gasalla. Dará comezo ás 19:30 horas no auditorio da casa da cultura, con entrada de balde e libre ata completar aforo.

Paulino Gasalla regresa ao noso municipio despois de ter guiado o pasado verán un percorrido comentado polo ceo en Vilarrube, con especial atención ás estrelas e constelacións, convidando ao público asistente a observar e comentar. Deste volta, a súa intervención centrarase na eclipse e tamén na importancia dunha observación segura.