O Concello organiza un showcooking dirixido á hostalería local sobre os produtos do mar
Abre inscricións na actividade, que o luns 21 de outubro guiará na casa da cultura o chef Adrián Pérez, do restaurante Sinxelo
Valdoviño, 16 de outubro do 2024. O Concello de Valdoviño organizará o vindeiro luns 21 de outubro un showcooking dirixido á hostalería local. Celebrarase a partir das 17:00 horas na sala de exposicións da casa da cultura, con participación gratuíta e inscrición previa vía chamada telefónica ou whatsapp ao teléfono 722 60 84 71. Mediante a realización de exemplos prácticos empregando produto local e subprodutos como algas ou outras especies infrautilizadas, preténdese achegar á hostalaría local as distintas posibilidades e aplicacións destas materias primas nos seus negocios. Esta primeira sesión estará dirixida polo chef Adrián Pérez, do restaurante ferrolán Sinxelo, premiado recentemente polo público como o mellor cociñeiro de Tapas de Galicia.
O obxectivo é reforzar as relacións locais entre o sector do mar e a hostalaría, á hora de promover o uso de especies mariñas da zona e a súa transformación na cociña, ofertando produto KM0 á propia veciñanza e visitantes, fomentando a comercialización de todo tipo de especies mariñas e subprodutos.
Esta actividade está incluída no proxecto “Ondas de sabor: promoción do consumo de percebe e bivalvos de Valdoviño”, proxecto que pretende mellorar o peso económico do sector marisqueiro, valorizando o produto local a través do fomento do seu consumo, mediante accións nas que se dá a coñecer o rol das xentes do mar na conservación do medio mariño, o papel das Confrarías de Ferrol e Cedeira, a calidade e a trazabilidade dos seus produtos a través da sensibilización de escolares, sociedade e profesionalización da hostalería local.
«Ondas de sabor: Promoción do consumo de percebe e bivalvos de Valdoviño» é un proxecto impulsado polo Concello de Valdoviño para a obtención das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través do GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria 2023.