O Concello organiza un curso de ofimática avanzada para persoas en situación de desemprego e vulnerabilidade social

A acción formativa inclúese no programa municipal Mellora, e abre prazo para cubrir as prazas vacantes tras a inscrición de veciños e veciñas derivados polos Servizos Sociais municipais

Valdoviño, 11 de novembro do 2025. O Concello de Valdoviño organiza una nova acción formativa do Plan Municipal Mellora: un curso de ofimática avanzada de 40 horas dirixido a veciños e veciñas en situación de desemprego e vulnerabilidade social. Despois de cubrir prazas coas persoas derivadas polos Servizos Sociais Municipais, aínda quedan algunhas vacantes, co que o Concello abre un novo prazo de inscrición para aquelas persoas que, estando na situación descrita, desexen tomar parte. Tan só deben chamar á concellería ao número 981 48 70 41  extensión 5.

O curso arrincará o luns 17 de novembro, e desenvolverase ata o 22 de decembro, en horario de 9:15 a 12:20 horas os luns e mércores, e de 9:10 a 11 horas os xoves.

Esta é a terceira acción do Plan Mellora, tras o curso para a obtención do carné de conducir e o de alfabetización básica. Todas elas, cun mesmo obxectivo: ampliar a través da formación as oportunidades de inserción laboral de veciños e veciñas en situación de desemprego e risco de exclusión social. O programa conta cun orzamento próximo aos 15.000 euros, que o Concello cofinancia con cargo ao POS+Adicional.