O Concello organiza o faladoiro para familias “A prevención de condutas adictivas”
Inscrición aberta na actividade, que se celebrará o xoves 12 de maio en horario de 17:30 a 19:30 h no Centro Sociocomunitario
Valdoviño, 6 de maio de 2022. O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Servizos Sociais, organiza un faladoiro para familias baixo o título «A prevención de condutas adictivas dende a familia». Celebrarase o xoves 12 de maio, en horario de 17:30 a 19:30 h, no Centro Sociocomunitario, e estará guiado por persoal de Asfedro. A participación é gratuíta, e o Concello abre hoxe a inscrición a través do teléfono de Servizos Sociais: 981 48 70 41.
A acción formativa inclúese no convenio de colaboración suscrito entre o Concello de Valdoviño e Asfedro e dá continuidade ás xornadas que a pasada semana se desenvolveron no CPI Atios. Xornadas dirixidas ao alumnado de 3º curso da ESO coas que se buscaba mellorar a información dos/as estudantes sobre as adicións, os efectos e consecuencias, aumentando a percepción de risco real e favorecendo a reflexión sobre a súa capacidade de xestión e afrontamento.