O Concello organiza este sábado a tradicional Andada a Santo André de Teixido con todas as prazas cubertas
Máis dun centenar de persoas tomarán parte na camiñada
Valdoviño, 30 de setembro do 2022. Un ano máis, e xa van 21, a Andada a Santo André de Teixido que organiza o Concello de Valdoviño celebrarase con todas as prazas cubertas. Un total de 110 veciños e veciñas partirán este sábado ás 8:00 horas do estacionamento sito fronte á Casa Joselito para iniciar unha camiñada duns 27 quilómetros que terá como destino o santuario cedeirés, e que concluirán cun xantar nas inmediacións para realizar despois o regreso en autocar.
Ó seu paso polo territorio valdoviñés, romeiros e romeiras teñen tres puntos de parada obrigada. Dunha banda, a ermida de Liñeiro, coñecida tamén como capela da Fame. Dúas teorías avalan esta denominación popular. A primeira, a súa condición noutrora de lugar de descanso e refuxio para os peregrinos e peregrinas, onde recobraban as súas forzas para continuar a ruta. E, por outro, hai quen apunta que lla debe ao retablo do templo, onde se representan a fame e a preguiza en dous medallóns coas efixies de membros da familia Tenreiro.
Outro punto destacado do itinerario é o encoro das Forcadas. Emprazado entre as parroquias de Vilaboa e Loira, foi construído no ano 1966 e fornece de auga aos municipios da comarca de Ferrol. Un espazo natural privilexiado.
E, como non, Porto do Cabo. Un pintoresco núcleo rural situado na parroquia de Vilarrube, paso obrigado dos romeiros e romeiras, xa que unía Valdoviño con Cedeira, o seu destino final. E ese paso facíase por unha ponte medieval, conservada en bo estado hoxe en día, que salvaba o río Mestas. A uns metros, atópase a Casa da Bastona, unha construción en estado ruinoso actualmente, pero con moita historia no seu interior, ao ser o último albergue para peregrinos que facían o camiño.
Precisamente, a Capela da Fame e Porto do Cabo serán os dous puntos de avituallamento da ruta.