O Concello licita o servizo de conserxería, limpeza e mantemento do pavillón O Longoiro

As empresas interesadas no contrato, no que o Concello investirá anualmente preto de 30.000 euros, poden presentar oferta ata o 7 de outubro

Valdoviño, 24 de setembro do 2025. O Concello de Valdoviño vén de sacar a contratación o servizo de conserxería, limpeza e actuacións menores de mantemento no pavillón municipal O Longoiro, en Meirás. Investirá no contrato 29.946,06 euros ao ano, cunha vixencia de dous e posibilidade de prórroga por outros dous. As empresas interesadas no mesmo poden consultar os pregos na plataforma de contratación do sector público e presentar as súas ofertas ata o 7 de outubro.

Entre outras actuacións, o servizo de conserxería, de frecuencia diaria, contempla a apertura e peche das instalacións, a atención a persoas usuarias e público, a comunicación inmediata de posibles incidencias, control e rexistro diario de usuarios, velar polo cumprimento das normas de funcionamento e uso, ou recepcionar queixas e suxestións.

No tocante ás tarefas de limpeza, esténdese á pista de xogo, salas, portas e cristais, grada, vestiarios ou aseos, con frecuencia variable segundo a zona.

Finalmente, as tarefas de mantemento inclúen a revisión diaria do correcto estado de conservación e mantemento das instalacións e do equipamento, así como a inmediata reparación de calquera avaría ou dano detectado, sempre e cando non precise de coñecementos especializados ou medios técnicos cuxa utilización requira cualificación específica. Outras accións a realizar serán traballos de desbroce da parcela exterior cando menos unha vez ao trimestre ou sempre que resulte preciso.