O Concello licita as obras da 3ª fase do Centro Sociocomunitario e melloras nas dependencias do Xulgado de paz e Garda Civil por 1,6 millóns
As empresas poden presentar ofertas aos contratos ata o 9 de setembro
Valdoviño, 16 de agosto do 2024. O Concello de Valdoviño volve a sacar a contratación as obras da terceira e última fase do Centro Sociocomunitario e os traballos de eficiencia enerxética e accesibilidade nas dependencias contiguas, que ocupan o Xulgado de Paz e a Garda Civil. Os dous contratos suman un investimento conxunto superior aos 1,6 millóns de euros, e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 9 de setembro, e consultar toda a documentación na plataforma de contratación do sector público.
No caso do centro sociocomunitario, a intervención permitirá ampliar a superficie do inmoble en máis de 400 metros cadrados, que se destinarán, entre outros usos, a centro de día, aulas de formación e espazos para o movemento asociativo. As obras de eficiencia enerxética nas dependencias anexas permitirían un aforro enerxético do 73%, así como o cambio da certificación enerxética do edificio da categoría D actual á A. Os traballos tamén contemplan a ampliación do vestíbulo de entrada para reconvertilo en zona de espera para o Xulgado de Paz, así como obras de accesibilidade para crear un aseo adaptado para cada sexo. Se abandonar esta zona, dotarase o xulgado dun novo mostrador e ampliarase o arquivo.
TRAMITACIÓN
A intervención do centro sociocomunitario sale a licitación por 1,3 millóns. No último pleno, a corporación aprobaba sacar de novo a contratación as obras tras quedar deserto o último concurso. No primeiro, a empresa adxudicataria renunciaba pola suba de prezos trala pandemia e a guerra de Ucraína. O Concello modificaba o proxecto adaptándoo á nova realidade económica, e incrementando o orzamento base de licitación en máis de 300.000 euros. Non foi suficiente, e o concurso quedaba deserto. Nese momento, a Administración local procedía de novo á modificación do proxecto, pero neste caso cun cambio nos criterios técnicos, adaptándoos ás especificacións que guían as licitacións da Deputación da Coruña.
No caso da actuación no inmoble anexo, sede da Garda Civil e máis do Xulgado de Paz, a intervención está orzamentada en preto de 350.000 euros, e o Concello conta con fondos do Ministerio de Transición Ecolóxica e o IDAE para afrontar a maior parte do investimento grazas a unha achega de 246.272 euros. O Concello presentaba o proxecto á convocatoria de proxectos singulares locais de enerxía limpa do “Programa de Desarrollo Urbano Sostenible” (DUS 5000), financiado polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dentro dos fondos Next Generation. A iniciativa permitirá así dar continuidade as accións do goberno local para avanzar cara modelos máis eficientes e sostibles que permiten un aforro ás arcas municipais a través da redución das facturas de subministros.