O Concello licita a construción da pista polideportiva e 2 pistas de pádel cubertas e céspede artificial do Espazo Deportivo Atios
A intervención requerirá dun investimento de 359.580,52 euros
Valdoviño, 17 de setembro do 2024. O Concello de Valdoviño saca a contratación as obras de construción dunha pista polideportiva e dúas pistas de pádel cubertas, primeira fase do Espazo Deportivo de Atios. O alcalde, Alberto González, informaba esta mañá que o Concello investirá 359.580,52 euros na intervención, que financiará cos plans provinciais e fondos propios, así como que as obras contan cun prazo de execución de 6 meses. As empresas interesadas no contrato poderán presentar a súa oferta ata o 12 de outubro, e poden consultar os pregos de licitación na plataforma de contratación do sector público.
Nesta liña, o concelleiro de Urbanismo e Deportes, Sergio Saavedra, lembraba que o Concello redactaba un primeiro proxecto en 2019, sacando a licitación e adxudicando as obras en decembro de 2021. Sen embargo, víase na obriga de resolver o contrato de mutuo acordo por razóns de interese público en 2023, trala renuncia da empresa adxudicataria. Chegados a este punto, foi preciso modificar o proxecto para actualizar os prezos de materiais, man de obra e maquinaria, adaptándoos á situación económica actual, e tamén, recabar os fondos para asumir ese sobre custe. Tanto a modificación do proxecto como a incorporación dos fondos, -para o que foi necesario recurrir a un préstamo-, tiveron que someterse á aprobación do pleno municipal, e agora, a Administración local volve sacar a contratación as obras da que será a primeira fase do Espazo Deportivo Atios.
A pista deportiva e as dúas pistas de pádel construiranse nunha parcela de 6.074 metros cadrados sita nas inmediacións do CPI Atios. A pista polideportiva descuberta ocupará unha superficie de 40×20 m, namentras que as dúas pistas de pádel terán unhas medidas de 10×20 m. Cubriranse neste caso cunha estructura metálica con cuberta de chapa autoportante sobre pórticos metálicos de aceiro, que abranguerá o ancho das dúas pistas sen elementos de apoio intermedios, protexendo o espazo e o seu perímetro. Entre unha e outra disporanse paneis de vidro, e o pavimento será de céspede artificial.