O Concello levará a pleno a aprobación da gratuidade do Punto de Atención á Infancia, asumindo o seu custe

O alcalde, Alberto González, avanzou que a medida, que se prevé entre en vigor en novembro, terá efecto retroactivo dende este curso

Valdoviño, 4 de outubro do 2022. O Concello de Valdoviño levará este xoves a pleno a aprobación da gratuidade da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia. Unha medida anunciada pola Xunta, pero cuxo coste recaerá no concello. Así llelo avanzou o alcalde, Alberto González, ás familias con fillos e fillas matriculados/as este ano no servizo de conciliación municipal, nun encontro celebrado a semana pasada nas instalacións coa asistencia da concelleira de Servizos Sociais, Ana Belén Pérez, e a educadora familiar, Iria Rodríguez. A medida abordouse tamén previamente na comisión informativa de Benestar, dando traslado ós grupos municipais. O custe cero do servizo terá carácter retroactivo -dende o inicio deste curso-. 

O rexidor lembrou que, antes do verán, a Xunta anunciaba a gratuidade tanto das escolas como dos PAIs a partir deste curso, pero que non foi ata agosto cando se publica a orde que establece os requisitos das axudas para que os concellos palíen a sobrecarga económica que conleva a medida nos centros de titularidade municipal. No caso de Valdoviño, os prezos do PAI establecéronse coa súa apertura, en 2017, en función do gasto que implica o servizo, e dende hai dous anos a Xunta fixa unha aportación que permite ofrecer gratuitamente o servizo para as familias con segundos/as fillos/as no centro. 

Para optar ás axudas previstas pola Xunta para financiar a gratuidade, é obrigatorio equiparar os prezos do servizo municipal ós da Administración autonómica. Este feito disparará o investimento que se verá obrigado a facer o Concello para manter aberto o PAI, xa que terá que asumir a diferencia entre o custe real do recurso e a axuda que prevé a Xunta.

Así, para facer efectiva a medida, nas últimas semanas o Concello elaboraba un novo regulamento de funcionamento e prezos para o PAI, que esta semana irá a pleno. De aprobarse, pasará a exposición pública e, de non presentarse alegacións, entraría en vigor. Previsiblemente, a mediados de novembro. Como ata esas datas as mensualidades hai que facelas efectivas, a nova normativa establece o carácter retroactivo da medida, co que o Concello procedería á devolución das cuotas dos dous primeiros meses do curso.