O Concello leva o alumeado público a diferentes puntos de Meirás e Loira a través de leds alimentadas de placas solares
Esta solución permite estender o servizo a zonas sen tendido eléctrico
Valdoviño, 20 de xaneiro do 2023. O Concello de Valdoviño vén de completar a instalación de nova iluminación pública led alimentada con paneis solares na estrada entre a Cubeta e a igrexa de Meirás e en diferentes puntos de Loira. Trátase de zonas de por si afastadas do tendido da rede, o que dificultaba levar ata estes lugares o alumeado público. Ademais, as lámpadas contan cun sensor de luz crepuscular que, en función da luz ambiente, manterá apagada ou acendida a luminaria.
Deste xeito, a solución ten triple beneficio. Permite ofrecer o servizo; plantea unha solución respectuosa co medio con cero emisións de CO2, e o seu custe diario terá nula incidencia na factura eléctrica, xa que as lámpadas autoabastécense da luz que recollen polo día sen ter que depender da rede eléctrica.
Segundo explicou o concelleiro de Servizos, Benito Vega, esta intervención vén a completar outra actuación de renovación de 23 luminarias de vapor de sodio por outras de tecnoloxía led en diferentes viais de Vilaboa. No seu conxunto, o investimento ascende a 12.000 euros, que o Concello financiou con cargo á subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta.