O Concello leva ao CPI Atios a exposición “Cartas de Amor”, unha mostra do cómic galego sobre violencia de xénero
A iniciativa inclúese no programa “Somos e Contamos” con motivo da conmemoración do Día da Eliminación da Violencia contra as Mulleres
Valdoviño, 16 de novembro do 2022. No marco do programa «Somos e Contamos» deseñado polo Concello de Valdoviño con motivo do 25N, Día da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o CPI Atios acolle dende esta semana e ata finais de mes a expo «Cartas de Amor». Unha mostra do cómic galego sobre violencia de xénero con obras de diversos/as artistas, e coa que se busca sensibilizar á poboación máis nova sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala, e por tanto, a eliminala.
Promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade, pretende establecer un paralelismo entre o mundo romántico das primeiras relacións de parella e a crueldade que, ás veces, vai asociada a elas, tendo en conta que, nos últimos anos, se detectan moitos casos de relacións de parellas entre adolescentes cunha forte carga de violencia verbal e incluso física.
A orixe da mostra partiu da proposta da súa comisaria, Gemma Sesar, a varios debuxantes galegos e nacionais para plasmar nunha imaxe situacións ou momentos que considerasen como violentos entre adolescentes, co obxectivo de pór de manifesto a necesidade de mudar esas actitudes por outras nas que prime o respecto á parella.
Deste xeito, na mostra están os traballos dos dous premios nacionais de ilustración, Miguel Calatayud, e de cómic, Paco Roca, no ano 2009; así como figuras galegas, como Patricia Castelao, Pirusca, David Pintor e Óscar Villán.
Tamén participan autoras e autores que están acadando grande éxito entre a xente máis nova, como Eva Vázquez, Javier Olivares, Primitivo, Sonia Pulido, Jack Mircala ou Sergi San Julián. Ademais o escultor Méndez, a escritora Anxos Sumai e o deseñador Fausto, únense a esta mostra con tres achegas diferentes.