O Concello leva a cabo as obras de ampliación da zona de xogos do alumnado de Educación Infantil do CPI Atios
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, realizou esta semana unha visita ao CPI Atios acompañado dos concelleiros de Obras e Servizos, Alejandro García, Benito Vega e Germán Gómez, para supervisar a evolución das obras de ampliación da zona de xogos reservada ao alumnado de Educación Infantil. Unha intervención prevista e acelerada a raíz da COVID-19, co ánimo de sumar metros cadrados ao espazo para favorecer as medidas de distanciamento social. Na intervención investiranse uns 12.000 euros.
As obras contemplan o retranqueo do peque perimetral no lateral contiguo á zona de estacionamento para o equipo docente e a instalación de céspede artificial no chan. O invernadoiro, escenario das plantacións dos máis pequenos e pequenas, trasladouse a un lateral da zona de xogos para optimizar o espazo, así como o areeiro. Fundirase o acceso de entrada ao centro dende esta área, a zona lateral do inmoble e máis outra pequena superficie situada na entrada dende o pavillón. Así mesmo, colocarase neste espazo un novo portalón con acceso directo á zona de xogos. As tarefas completaranse cos traballos de pintado na fachada do CPI. Nos próximos días prevese a súa conclusión.