O Concello lanza Valdoviño Saudable, con clases de tenis, ximnasia, zumba, tiro con arco, baloncesto e baile latino

Aberta a inscrición na programación deportiva municipal, coa vista posta no seu inicio no mes de outubro

Valdoviño, 15 de setembro de 2021. O Concello lanza Valdoviño Saudable, a programación deportiva municipal para o presente curso. Incluirá clases de tenis, tiro con arco, ximnasia, zumba, baile latino e baloncesto e, na filosofía iniciada durante o pasado mandato, procurarase unha descentralización das actividades nas diferentes parroquias.

A inscrición está aberta coa idea de comenzar o curso a primeiros de outubro, e debe formalizarse chamando ou enviando un whatsapp sinalando nome e apelidos, idade e actividade ao número da Concellería de Deportes 626 46 55 31. Así mesmo, sinálase que as persoas inscritas en edicións pasadas terán prioridade en caso de que a demanda exceda a oferta. O custe mantense respecto a anos anteriores, e as tarifas oscilan entre os 8,86 e os 12,54 euros mensuais en función da frecuencia semanal. 

Ao detalle, o pavillón municipal do Longoiro, en Meirás, albergará as actividades de tenis, tiro con arco e baloncesto. No caso do tenis, a intención é crear 3 grupos segundo as idades dos participantes: menores de 12; de 12 a 18 anos e maiores de idade. A actividade de ximnasia desenvolverase no centro sociocomunitario de Valdoviño; no polideportivo de Meirás e, combinada con zumba, no local social de Vilarrube. Por último, bailes latinos celebrarase no pavillón do CPI Atios.