O Concello lanza unha nova convocatoria para a contratación de socorristas

Presentación de solicitudes a partir de mañá 23 de xullo

O Concello de Valdoviño lanza unha nova convocatoria para a contratación de persoal para o servizo de socorrismo e salvamento nas praias do municipio. A partir de mañá venres 23 de xullo, as persoas interesadas en optar ás prazas poderán presentar a súa solicitude para participar no proceso, a través do rexistro xeral ou vía telemática, e por espazo de 5 días naturais.

O Concello insiste unha vez máis para acadar a cobertura das prazas. A finais de maio abría o proceso para a contratación directa. Recibida a confirmación dunha subvención por parte da Xunta, fixaba un novo procedemento axustado aos criterios da Administración autonómica, canalizando esa oferta de emprego a través dos servizos públicos de emprego e esgotando prazos sen cubrir as 33 prazas necesarias. Agora, abre un novo proceso a través dunha nova contratación directa, para a que non se precisa estar inscrito/a nos servizos públicos de emprego. 

Deste xeito, o Concello tenta dar resposta á falla de efectivos no servizo. Un problema que se vén dando verán tras verán polo esixente sistema de formación e homologación de titulacións establecido dende a administración autonómica, complexo e cun custe elevado para unhas perspectivas de traballo de apenas uns meses, o que dura a tempada estival na Comunidade.

Este ano e tras as dificultades rexistradas o pasado, o Concello optaba pola contratación directa dos socorristas, destinando unha partida cercana aos 130.000 euros, pero tampouco así lograba cubrir as 33 prazas previstas. Unha situación que obrigaba ao Concello a deixar sen servizo aos areais de Meirás, O Baleo e Vilarrube, destinando o persoal aos areais de maior afluencia: A Frouxeira e Pantín. Ademais, o problema acentuose este ano polo coronavirus, xa que hai uns días víase obrigado a suspender o servizo no areal de Pantín tras confirmarse un positivo entre o persoal. Superada esta situación, o pasado martes recuperábase a vixianza na praia.

A nova convocatoria aberta contempla unha xornada laboral completa e unhas retribucións de 1.400 euros brutos mensuais (incluídos tódolos conceptos salariais e a prorrata das pagas extraordinarias). As bases e convocatoria poden consultarse na web municipal: https://bit.ly/3rpY3iR