O Concello lanza OcioSol 2025 na Frouxeira para nenos e nenas con atletismo, baloncesto, fútbol sala, tenis e multixogo
A programación inclúe ximnasia de mantenemento para persoas adultas
Valdoviño, 13 de xuño do 2025. OcioSol 2025, a programación deportiva deseñada polo Concello de Valdoviño para nenos e nenas durante o verán, incluirá nesta edición clases semanais de atletismo, baloncesto, fútbol sala, tenis e multixogo. A maiores, as persoas adultas tamén poderán participar nas sesións de ximnasia de mantenemento. O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzaba que o próximo luns 16 abrirase o prazo de inscrición -ata o día 25 de xuño-, a través dun formulario online dispoñible na páxina web municipal, onde tamén se poden consultar os diferentes horarios, e presencialmente na primeira planta da casa consistorial. En todo caso, as clases serán dunha hora, dous días á semana, cun custe de 7,37 euros/mes. No caso de ximnasia para maiores, o prezo é de 8,86 euros/mes.
A programación desenvolverase na pista deportiva municipal sita no paseo da Frouxeira, agás ximnasia, que terá lugar na contorna do parque infantil e biosaudable. No caso de choiva, unhas e outras trasladaríanse á casa da cultura, en Valdoviño, ou ao pavillón municipal de O Longoiro, en Meirás.
No caso de que a demanda exceda a oferta, terán preferencia na concesión as persoas empadroadas en Valdoviño. Ademais, nuns días, avanzarase tamén a programación de cursos e actividades na piscina municipal de Lago.
OcioSol 2025 conta co apoio da Deputación da Coruña e financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade (así como polo Concello de Valdoviño).
