O Concello lanza o programa “Contares Culturais nas Festas do Verán” con concertos, danza, circo, traballos audiovisuais e mesmo un mercado
Os concertos de Xurxo Fernandes e PAN.SEN.FRON e de Encrucillada inaugurarán a programación, que terá lugar do luns 19 ao venres 23
Valdoviño, 13 de agosto do 2024. O Concello de Valdoviño lanza un novo programa, “Contares Culturais nas Festas do Verán”, repleto de propostas do luns 19 ao venres 23 de agosto. Música, danza, circo, sendeirismo, ou mesmo un mercado ecolóxico nocturno integran o cartel, que conta co apoio tanto da Rede Cultural da Deputación da Coruña como da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia e Abanca no marco da subvención ao Pantín Classic como Festa de Interese Turístico de Galicia.
“Contares Culturais nas Festas do Verán” arrancará o luns 19 cun concerto de auténtico luxo na Porta do Sol. Ás 21:30 horas subirase ao escenario unha agrupación que gusta, e moito, en Valdoviño: o grupo folc Encrucillada, e ao seu remate, contaremos coa actuación de Xurxo Fernandes, unha das voces galegas máis influíntes, cunha visión única sobre as músicas de raíz e de creación colectiva, que se acompañará en Valdoviño das Pandeireteiras Sen Fronteiras PAN.SEN.FRON
O martes 20 o programa trasládase a Pantín. Jazz de Ría, festival na Costa Ártabra, proponnos participar no roteiro “Balcóns ao Atlántico”, que partirá ás 19 horas da caseta de socorrismo do areal de Pantín. O escritor Antón Cortizas acompañaranos no itinerario, no que tamén poderemos desfrutar da actuación do saxofonista Lois Rivera, e que terá por destino a praia do Baleo. Alí, xa ás 21:00 horas, a solista Leticia Rey ofrecerá un concerto no que tamén participará Iago Mourinho aos teclados.
O mércores 21, teremos o Concerto Secreto. Iso si, haberá que estar atentos e atentas ás redes sociais para averiguar a localización, o horario e o intéprete ou grupo protagonista deste ano.
O xoves 22, Paula Quintas CÍA presentará en Valdoviño “Multiperspectivas #2”, unha orixinal e novidosa proposta na que combina improvisación teatral, danza e circo, deixando espazo para a interacción co público. Terá como escenario a Nave de traballo sita en Mourente, ás 21:30 horas. Neste caso, e dado a limitación de aforo, o departamento municipal de Cultura establece a entrada con retirada de convite a partir do luns 19 na casa da cultura -un máximo de 2 por persoa-. Se non se completasen prazas, no mesmo lugar da actuación, poñeranse a disposición do público as invitacións sobrantes media hora antes do espectáculo.
E o venres 23, triple proposta na Porta do Sol. A primeira cita, co Mercado Ecolóxico e de Consumo Responsable, edición nocturna -de 19:30 a 00:30 h-. Ás 22:30 h, presentación do vídeo “Hidrolatrías. Valdoviño un paraíso ligado á auga”. Un traballo no que se recolle a importancia do mar no devir do concello ao longo da súa historia, dende o punto de vista da tradición. E xa ás 23:00 h, concerto de Black en quinteto.