O Concello lanza a convocatoria para a contratación directa de 12 socorristas e a creación dunha bolsa de emprego

O alcalde, Alberto González, critica o escaso apoio recibido por parte da Xunta, que rebaixa substancialmente a axuda solicitada polo Concello

Valdoviño, 20 de xuño do 2023. O Concello de Valdoviño publicaba hoxe no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria para a contratación laboral temporal de 12 socorristas para o servizo de salvamento nas praias do municipio. Así, as persoas interesadas en participar no proceso e optar aos contratos poderán presentar a súa solicitude a partir de mañá mércores -e por espazo de 4 días hábiles- no rexistro xeral da casa consistorial ou a través da sede electrónica. Entre outros requisitos, deben estar inscritos no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, como establece a normativa, e a selección realizarase polo sistema de oposición libre, cunha proba física de carácter obrigatorio e eliminatorio. 

Así mesmo, o alcalde, Alberto González, explicou que a convocatoria tamén contempla a creación dunha bolsa de emprego, da que tirará o Concello para incorporar novo persoal unha vez concedida a subvención solicitada á Xunta de Galicia. Unha comunicación que chegaba hai escasos días. Nesta liña, o rexidor foi especialmente crítico co escaso apoio que a Xunta prestará a un Concello que fai un importante esforzo en materia de seguridade ano tras ano. Así, os fondos confirmados pola Xunta tan só permitirán cubrir os custes para a contratación de 10 dos 33 socorristas necesarios e solicitados. Así mesmo, a confirmación da axuda, a escasos días para o inicio da campaña de verán, limita o marxe de manobra do Concello, que confía en estar en condicións de arrancar xullo, como tiña previsto, co servizo de socorrismo nas praias. 

As bases da convocatoria e o formulario para a solicitude de participación no proceso selectivo están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de hoxe:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/06/20/2023_0000004822.pdf