O Concello lanza a convocatoria para a contratación de 32 socorristas e 1 coordinador

As persoas interesadas en concorrer ao proceso poden presentar instancia a partir deste martes 9 de xuño e por espazo de 5 días hábiles

Valdoviño, 8 de xuño do 2026. O Concello de Valdoviño lanza a convocatoria para a contratación de 32 socorristas e 1 coordinador para o Servizo de Salvamento e Socorrismo nas praias do municipio, que se prestará do 1 de xullo ao 31 de agosto (sen prexuízo de que o servizo se amplíe temporalmente por necesidade). O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica as bases que rexerán o proceso, polo que a partir deste martes 9 de xuño -e por espazo de 5 días hábiles- as persoas interesadas en concorrer poderán presentar instancia preferiblemente a través da sede electrónica ou ben no rexistro da casa consistorial.

O contrato laboral será temporal, cunha duración de 62 días naturais, a xornada completa, e a quendas segundo a planificación municipal. As retribucións dos socorristas serán de 1.600 € brutos/mes  e a do coordinador, de 1.800 € brutos/mes. Entre os requisitos, deberán ter cumpridos os 16 anos e estar inscritos no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia -sección espazos acuáticos naturais-. Admitiranse as solicitudes en trámite ou xustificante de estar cursando a titulación para poder realizar o rexistro, sempre que se resolva antes do inicio do contrato.

A selección realizarase a través do concurso-oposición, e crearase unha listaxe de reserva coas persoas aprobadas sen praza e aquelas con inscrición no rexistro en trámite ou con posibilidade de facela que a completen posteriormente. Estará vixente ata o final da tempada de verán 2026.

As bases e o modelo de instancia poden consultarse ou descargarse do BOP de hoxe.