O Concello invita ao comercio e hostalería a sumarse á identificación de espazos a través de pictogramas
Os negocios que desexen adherirse á iniciativa tan só deben solicitar e recoller os pictogramas na primeira planta da casa consistorial
Valdoviño, 6 de xuño do 2023. O Concello de Valdoviño anima a hostalería e comercio a colocar nos seus establecementos pictogramas para facilitar a identificación dos espazos por parte das persoas con TEA (Trastorno do Espectro Autista). Unha medida que a Administración local poñía en marcha hai uns días nos edificios e servizos municipais, e que agora busca estender a locais comerciais, bares, cafeterías e aloxamentos coa implicación dos negocios. Para isto, facilitará os pictogramas a todos aqueles que desexen sumarse. Basta con solicitalos na propia casa consistorial, na primeira planta, e nese momento faráselles entrega do pictograma correspondente. Un simple xesto que axuda a mellorar a comprensión e comunicación para as persoas con TEA.
O proxecto xurde a iniciativa de Vanesa Díaz, veciña de Ferrol e nai de Quim, que tras recibir o diagnóstico, comezou a traballar na casa cos pictogramas as rutinas, a orientación espacial e temporal ou a anticipación, conseguindo moi bos resultados. A partir de aí, e co beneplácito dos establecementos, comezou a colocar pictogramas en diferentes negocios da súa contorna, e día a día, foi sumando máis e máis establecementos colaboradores. Na actualidade, esa iniciativa continúa tamén co apoio de concellos como o de Valdoviño.
Comentarios