O Concello inviste 11.350 euros na implantación de tecnoloxía LED en diferentes puntos de Sequeiro e Pantín

Esta última intervención realizouse entre O Cabezal e O Campo e dende o cruce do Ariño e Alto Barreiro, coa renovación de 47 lámpadas

O Concello de Valdoviño vén de ampliar a renovación das lámpadas do alumeado público incorporando tecnoloxía LED ao tramo entre O Cabezal e O Campo (parroquia de Sequeiro) e entre o cruce do Ariño e Alto Barreiro (Pantín). No primeiro treito substituíronse 33 lámpadas e, no segundo, 14. Estas intervencións contaron cun investimento de 11.350 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta, e permitirán unha diminución da potencia contratada do 55%. Con elas, o Concello avanza no seu obxectivo de estender esta tecnoloxía ao 100% do alumeado público.

Neste plan municipal de eficiencia enerxética encádranse as actuacións realizadas nos últimos anos: na AC566 entre o cruce de Aviño e o de San Bartolo; na AC116 -entre a rotonda de Robles e o límite con Narón-; nos núcleos de Viansil, de Lavacerido,  de Taraza, na contorna da praia e lagoa da Frouxeira, na Travesía de Atios, na  Porta do Sol, nos entornos do CPI Atios, Centro de Saúde e Casa da Cultura, en puntos das parroquias de Loira, Pantín e Vilarrube, no Carballal e na Avenida Areeiros, así como na contorna das vivendas de Mourente, entre outros.

Un plan co que se busca un triple obxectivo: mellorar a calidade lumínica do alumeado, mellorar a seguridade vial, e reducir o consumo eléctrico rebaixando a factura por este concepto.