O Concello investiu en 2025 os fondos do Programa provincial de financiamento dos Servizos Sociais no SAF e contratación de persoal

A subvención procedente da Deputación a través desta liña de axudas incrementouse nun 26% durante o pasado exercicio

Valdoviño, 15 de xaneiro do 2026. A través do Programa de Financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios que promove a Deputación da Coruña, o Concello de Valdoviño recibía 90.400 euros durante o 2025 que contribuíron a financiar o Servizo de Axuda no Fogar na modalidade de libre concorrencia e gastos de persoal propios do departamento municipal de Servizos Sociais. A institución provincial incrementaba a axuda en preto de 30.000 euros respecto ao ano anterior, un 26% máis.

Deste xeito, o apoio da Deputación permitiu ao Concello dirixir unha partida de 50.400 euros á atención dos veciños e veciñas dependentes a través do SAF, reducindo a aportación que a Administración local debe realizar cada ano para soster unha competencia que non é municipal. Ademais, os fondos tamén se destinaron a reforzar o equipo de traballadoras dos Servizos Sociais, destinando 22.000 euros a financiar parte dos custes do contrato da educadora familiar, e 18.000 euros, da auxiliar administrativa.