O Concello investirá preto de 90.000 euros para mellorar o firme dos viais de Taraza e Boeiro
O alcalde, Alberto González, informa do inicio do proceso de contratación dos traballos en Meirás e Valdoviño
Valdoviño, 19 de xaneiro de 2024. O Concello de Valdoviño vén de sacar a contratación as obras de acondicionamento da estrada de Taraza, en Meirás, e do tramo final do camiño do Boeiro, en Valdoviño. O alcalde, Alberto González, avanzou que se investirán preto de 90.000 euros nestas dúas intervencións con cargo ao Plan Complementario da Deputación.
Trátase dunha solución coa que dar a resposta máis inmediata posible para frear o avanzado estado de deterioro dos dous viais, coa previsión de recabar financiamento dos Next Generation para acometer, no caso de Taraza, a actuación integral de humanización do vial deseñada polo Concello cun orzamento superior aos 1,9 millóns de euros. Alberto González explicaba que ese proxecto foi presentado ás convocatorias de axudas europeas, e aprobado polo Estado, aínda que sen partida presupostaria. Esgotado o crédito, recibiría fondos nunha nova convocatoria. O tempo pasa, e agrava a situación da estrada, co que o Concello non esperará máis e levará a cabo intervencións complementarias comezando con esta.
Inicia agora o proceso de contratación, abrindo ata o 12 de febreiro o prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas en executar os traballos. O orzamento base de licitación é de 89.673,64 euros, e o prazo de execución, de 3 meses. A partir de aí, celebraranse as mesas de contratación e, tras a adxudicación, a presentación da documentación e a firma da acta de replanteo. O proceso administrativo habitual nunha contratación aberta que se prevé dure uns meses.
Os traballos contemplan 3 fases de intervención: profunda, superficial e rebacheo, segundo o estado do firme. No primeiro caso, procederase a cortar o pavimento por tramos, sanear o firme e repoñelo cunha capa de 30 cm de macadam e triple tratamento de regos asfáticos. No segundo, mellorarase o estado do firme con dobles ou triples tratamentos asfálticos, e no terceiro, rebachearase os puntos e aplicarase un triple tratamento. No seu conxunto, actuarase nunha superficie cercana aos 8.400 metros cadrados.