O Concello investirá preto de 45.000 euros na instalación de tecnoloxía LED no pavillón do Longoiro e no campo de Mourente

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informa da adxudicación dos contratos, cos que se prevé reducir o consumo enerxético nun 50%

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá da adxudicación dos contratos de mellora da eficiencia enerxética no pavillón municipal do Longoiro e no campo de fútbol de Mourente. No primeiro caso, á empresa Permuy por importe de 11.670,45 euros e, no segundo, a Valdonaire Soluciones Técnicas SL por valor de 33.275 euros.

Nos dous casos, e no prazo de tres meses, procederase á substitución das lámpadas actuais por tecnoloxía LED co obxectivo de acadar un significativo aforro enerxético (do 50% no pavillón e do 58% no campo de fútbol); unha maior eficiencia enerxética e unha mellora das condicións de iluminación destas instalacións deportivas.

Así, no caso do polideportivo municipal do Longoiro, a actuación prevista contempla a substitución de 24 proxectores de 400w de haloxenuros metálicos sitos na pista polideportiva e das 13 luminarias fluorescentes de 2x58w das gradas e zonas comúns.

No terreo de xogo de Mourente, os 16 proxectores actuais renovaranse por 28 proxectores de diferentes tipos de tecnoloxía LED.