O Concello investirá preto de 250.000 euros na construción do Complexo Deportivo de Atios

O pleno aprobou dirixir 340.000 euros a gastos xerais e outros 146.000 a programas sociais

O pleno do Concello de Valdoviño aprobou esta semana o destino dos fondos do POS+ provincial. Así, o alcalde, Alberto González, anunciou que se destinarán 200.227,77 euros á construción do novo Complexo Deportivo de Atios. Unha ambiciosa intervención na que o Concello investirá outros 48.287,43 euros procedentes do orzamento municipal. Trátase dunha área deportiva que se situará nas inmediacións do CPI Atios, pensada para facilitar a práctica de diferentes modalidades deportivas para toda a familia. Nesta liña, o alcalde avanzou que nas próximas semanas presentarase o proxecto á veciñanza. 

Retomando o destino dos fondos provinciais, o Concello reservará 340.173 euros para gastos xerais e outros 146.000 euros para programas sociais. Así mesmo, renuncia ao uso dunha partida de 54.000 euros que a Deputación poñía a disposición do Concello para amortizar débeda bancaria porque esta está hoxe en día a cero. 

Na mesma sesión plenaria, celebrada o pasado luns, o Concello daba tamén luz verde aos proxectos que se financiarán con cargo ao POS Complementario. Así, a maioría dos fondos, máis de 415.000 euros, destinaríanse ao acondicionamento dun total de 37 pistas e camiños repartidos por todas as parroquias. Outros 80.000 euros reservaríanse para intervencións de abastecemento en Outeiro e outros puntos; algo máis de 216.000 euros para ampliar a rede de saneamento na Carreira, e preto de 250.000 para a mellora de servizos na AC116 ao seu paso por Meirás. En todo caso, a financiación destas últimas intervencións dependerá das baixas das obras do POS+ e o Concello xa avanza que irá executando estas obras unha vez se logren fondos ben deste programa ben doutras liñas de financiación doutras administracións.