O Concello investirá máis de 196.000 euros no arranxo de 15 pistas en camiños en Lago, Meirás, Pantín, Sequeiro e Valdoviño
A Xunta de Goberno Local dá luz verde aos proxectos, que agora sairán a contratación
Valdoviño, 1 de outubro de 2021. O alcalde, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello de Valdoviño investirá algo máis de 196.000 euros no acondicionamento de 15 pistas e camiños municipais. A Xunta de Goberno Local daba onte luz verde aos proxectos, que pasarán agora a contratación. Financiaranse, en todo caso, con cargo ao POS+ Complementario da Deputación. Os traballos permitirán arranxar os viais máis deteriorados, mediante a súa pavimentación. Así mesmo, o Concello traballa nun segundo paquete de intervencións, que avanzará nas próximas semanas, con pistas e camiños nas parroquias de Loira, Meirás, Valdoviño, Vilaboa e Vilarrube.
Os viais que sairán agora a contratación son estes:
-En Pantín:
-En Marnela, pista que enlaza co vial de baixada á praia.
-Camiño de Beceiros, que conecta a estrada AC566 co vial do Ariño.
-Camiño de Domondó, na estrada AC566 en dirección a Cedeira enlaza co vial que conduce a Loira.
-Camiño de Frádigas, conecta o lugar coa estrada de Cedeira
-En Valdoviño:
-Camiño no Coval, pista sen saída que dá servizo a vivendas no lugar da Pena.
-Camiño na Carreira, que enlaza a estrada do Trece coa rúa Carrilanas.
-Pista no lugar do Penso, que parte da zona do aparcadoiro situado na parte traseira da casa consistorial e alcanza a AC566
-Vial na Frouxeira, que enlaza dende a rotonda ata a Avenida de Ferrol.
-Vial na Ladeira que conecta co Miradoiro do Paraño.
-Vial nas inmediacións do centro de saúde, perpendicular á subida ao CPI enlaza coa AC566 en dirección Cedeira.
-Pista de Mirós, conecta a estrada do Trece co lugar da Vacariza (Aviño).
-En Sequeiro:
-Camiño de San Bartolomé, enlaza a estrada AC116 co lugar de Lodeiro.
-Pista no lugar das Penas, sen saída e que dá servizo a vivendas.
-En Lago:
-Camiño do Vilar.
-En Meirás:
-Camiño da Gándara, pista sen saída que dá servizo a vivendas nas inmediacións de Casa Suárez.