O Concello investirá máis de 130.000 euros na contratación de 33 socorristas nesta tempada

A Administración local mantén aberto o proceso a través dos servizos públicos de emprego, como fixa a Xunta para a concesión da axudas

Valdoviño, 5 de xuño do 2025. O Concello de Valdoviño iniciaba estes días o proceso de contratación dos 33 socorristas que velarán pola seguridade dos bañistas nas praias durante este verán. Como en anteriores ocasións, a fórmula elixida é a contratación directa de persoas en situación de desemprego derivadas do INEM, tal e como estipula a Xunta de Galicia para acceder ás axudas autonómicas para colaborar no financiamento do servizo. Nel, o Concello investirá 137.871,11 euros, segundo confirmaba o alcalde, Alberto González. En todo caso, as axudas aínda non foron confirmadas, pero si solicitadas. Así, as persoas que estean interesadas en acceder aos postos deberán estar inscritas nos servizos públicos de emprego, que son os que envían as candidaturas á Administración local.

Así mesmo, o concelleiro de Seguridade, Benito Vega, informaba de que o servizo ofrecerase dende o 1 de xullo ata o 31 de agosto, coa excepción da praia da Frouxeira, onde se estenderá ata o 7 de setembro.

O Concello confía en esquivar os problemas rexistrados nos últimos anos para cubrir os postos, dende a entrada en vigor da normativa aprobada pola Xunta na que se aumentaba a duración e custe dos cursos de formación para acceder a un posto de traballo temporal como este. Unha normativa que a Administración autonómica modificaría posteriormente a petición da Fegamp, pero que non reverteu a situación.