O Concello investirá este verán preto de 30.000 euros no servizo diario de limpeza de praias

Entre outras tarefas, inclúe a apertura e desinfección dos baños públicos próximos aos areais un mínimo de 3 veces ao día

Valdoviño, 4 de xullo do 2025. O servizo de limpeza de praias arrancaba a pasada semana en Campelo, O Río, O Cano Grande, O Cano Pequeno e Mourillá, A Frouxeira, Pantín, Porto Carrizo, O Baleo e Vilarrube. Nel, o alcalde, Alberto González, avanzaba un investimento cercano aos 30.000 euros, que o Concello de Valdoviño cofinanciará cunha axuda procedente da Deputación da Coruña.

As tarefas levaranse a cabo diariamente, e inclúen a retirada de residuos e refugallos nos areais, duchas, accesos, paseos, estacionamentos e inmediacións. Tamén, a apertura, peche, limpeza e desinfección dos baños públicos existentes nas praias, xa sexan fixos ou portátiles, con hixienizado dos elementos sanitarios de que dispoñan, retirando e xestionando calquera resto que se atope nos mesmos. A limpeza estase a realizar un mínimo de 3 veces ao día. En todo caso, dende o Concello faise un chamamento ao uso responsable dos mesmos, despois de que o pasado ano se sucedesen frecuentemente episodios moi pouco cívicos.