O Concello instala o primeiro punto EcoSolidario para a recollida de tapóns

Obra do Ferreiro de Valdoviño, sitúase na contorna do parque da Frouxeira e co seu uso a veciñanza colaborará con diversos proxectos solidarios

O Concello de Valdoviño vén de instalar no municipio o primeiro punto de recollida de tapóns usados. Unha infraestrutura que dende esta mesma mañá está a disposición da veciñanza baixo o nome EcoSolidarios. Sitúase nas inmediacións do parque da praia da Frouxeira, e a intención do goberno municipal segundo avanzaban o alcalde, Alberto González, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Belén Pérez, é darlle continuidade implantando máis puntos no mapa municipal.

O obxectivo principal é favorecer a reciclaxe deste tipo de residuos, e ao mesmo tempo, colaborar cunha causa solidaria. Así, a primeira remesa que se recolla irá destinada ao proxecto  «Alba, la promesa», que promove ASPANEMI -Asociación de Pais de Nenos con Minusvalía-. Trátase dunha iniciativa que arrancaba aló polo ano 2012 coa intención de recadar fondos para axudar a financiar o custoso tratamento que permite mellorar a calidade de vida de Alba, unha moza que sufre unha lesión cerebral dexenerativa pola perda progresiva de mielina nas células.

Deste xeito, e coa axuda da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil, os tapóns trasladaranse á entidade, con sede en Narón, e esta encargarase á súa vez de transportalos á planta xestora de residuos do Porriño (Pontevedra). Periodicamente sumaranse proxectos e deles informarase a través do código QR que acompaña ao punto EcoSolidarios.

Ademais, alcalde e concelleira quixeron poñer en valor a propia infraestrutura que acolle o punto de recollida de tapóns, unha obra do Ferreiro de Valdoviño que visualiza a conexión do noso municipio co surf. Unha auténtica obra de arte realizada en aceiro.