O Concello instala desfribiladores en inmobles e instalacións municipais na procura de converter a Valdoviño nun municipio cardioprotexido

Adquire desfibriladores con instalación móbil para os vehículos de Policía Local e Garda Civil, neste caso operativo tamén no servizo nocturno

Valdoviño, 14 de xullo de 2022. O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Sanidade, vén de instalar desfibriladores nalgúns dos principais inmobles e instalacións municipais. En concreto, a casa consistorial, casa da cultura, piscina municipal, pavillón do Longoiro, campo de fútbol de Mourente, centro social de Vilaboa (antiga escola unitaria) e casetas de socorrismo e salvamento das praias de Meirás e Vilarrube -que se suman así ás da Frouxeira e Pantín-. A intención, segundo explica o alcalde, Alberto González, é avanzar no obxectivo de lograr converter a Valdoviño nun concello cardioprotexido, de modo que calquera veciño/a estea o máis preto posible dun dispositivo DESA en caso de sufrir unha parada cardiorrespiratoria. 

Para iso, a concelleira de Sanidade, Ana Belén Pérez, explicou que o proxecto contempla unha segunda fase coa adquisición de dez dispositivos máis. No caso dos instalados, detallou que tamén se acompañou dunha sesión de formación inicial en soporte vital básico e manexo do DESA, que se suma ás accións previas impulsadas polo Concello nesta materia. E, complementariamente, cos servizos de mantenemento de todas as instalacións. 

Ademais, a Policía Local contará tamén cun desfribilador con instalación móbil para poder desplazalo nos seus vehículos, facilitando unha pronta resposta en caso de emerxencia. E, do mesmo xeito, o Concello entregará o mesmo equipo ao destacamento en Valdoviño da Garda Civil, o que permitirá estender este servizo ao horario nocturno. 

Estes equipos súmanse ao existente no CPI Atios, un proxecto impulsado pola ANPA Beiramar coa implicación de toda a comunidade educativa a través dunha campaña solidaria; aos situados ata o momento nas casetas de socorrismo de A Frouxeira e Pantín e do que dispón Protección Civil.